Tuesday 14 de May de 2024

Un domingo diferente para a rapazada de Boqueixón da man das Feiras Activas


 

O Concello de Boqueixón ofreceu onte unha xornada de domingo diferente cunha nova actividade das súas Feiras Activas. Nesta ocasión, o Campo da Feira de Lestedo acolleu unha sesión de xogos tradicionais aptos para grandes e cativada.

Precisamente os nenos e as nenas foron os que máis gozaron da sesión organizada por Urdime Propostas Culturais e os seus Xogos Paporrubio. A través dunha peculiar eira, as persoas participantes tiveron a oportunidade de achegarse ao eido da cultura agraria a través de distintos animais de granxa que ofreceron historias cantadas e contadas sobre este mundo.

As propostas das Feiras Activas do Concello de Boqueixón concluirán este domingo 8 de decembro no Campo da Feira de Rodiño. Ás 12.30 horas ofrecerase o espectáculo de circo e clown Circanelo, dirixido a todos os públicos.

O programa Feiras Activas é unha iniciativa impulsada a través dos Departamentos de Cultura e Turismo de Boqueixón coa que se pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (no primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (o segundo domingo de mes) aportando un valor engadido a través de propostas culturais e de lecer.